quarta-feira, maio 20, 2009

Os tempos son duros mais a vitoria é nosa


Poema homenaxe a Ramón Cabanillas

Quizais o arrecendo a terra mollada
foi quen de modular nun son
as verbas que se lle axuntaban na cordame
percorrendo a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar

Quizais, nas lousas do chan de Fefiñáns
haxa un antonte e acéndase unha lumieira
nesta noite, noitebra
de medos e corvos que nos empurran
ao OCASO “ Da terra asoballada”

O tempo semella que é un rapsodo e declama
...” Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secouse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos...”
As palabras do poeta baten nos ouvidos
doentes, e síntome máis náufraga
pois os pirotécnicos seguen aí
atentándonos coas cinchas
e a choiva trae apegado un agoiro de matricidio

Mais eu, irredenta gabearei polos montes abertos
e percorrerei a sensación de liberdade
coma se fose unha gaivota que vai cara o mar
e igual que Ramón berrarei:
“...¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
¡cantémo-lo dereito
a libre, nova vida!...”


Cruz Martínez

Sem comentários: