quinta-feira, fevereiro 01, 2007

Formigas vermellas soterrándose no azucreiro




A mañá de agosto amenceu soleada, aínda que algún neboeiro ameazaba con atoldar o día de verán.
Na baca do coche levabamos todo o necesario para pasar aqueles días de lecer. Polo vidro dianteiro precipitábanse as paisaxes, coma relampos e golpeábanos a vista igual ca uns visitantes inesperados.
Nunha estación de servizo que atopamos no camiño, enchemos o automóbil de combustible e espreguizámonos cuns grolos de café, que nos serviu un home desleixado,na solitaria cafetería. Da comisura dos labios penduráballe un cigarro que lle fumegaba cara o cello.
Cando divisamos o axitado mar da Lanzada, achegóusenos un son que se cadra viaxara no tempo. Xurdía do interior da capela, semellante aos queixumes que foxen da vítima dun feitizo no momento de expulsalo.
Poucos minutos despois chegamos.Había unha morea de xente. O balbordo de diversas linguas e acentos transportábanos a un mundo metido nunha cubeta. Nos primeiros días da nosa estancia tamén visitamos Armenteira co seu mosteiro do século XII e coñecemos a súa lenda. Alí sentimos o acougo que reflectían as pedras seculares e gozamos dos diferentes lugares do fermoso val do Salnés.
As festas que se facían na praia da Lanzada, ata ao amencer servían de vínculo entre a realidade e a maxia dunha terra. Vimos como a nítida auga acollía unha moza espida que tomaba as nove ondas, mentres un mozo tocaba un didjeridu e unha melodía ía nacendo do oco da madeira. Os demais ficamos en trance, coma o frade Ero co chirlar da paxariña, na quietude da fermosa paraxe de Valdedeus.
Ese espazo convidaba aos longos paseos en auténtica liberdade e a durmir en plena fusión coa natureza... de súpeto, vin un milleiro de formigas vermellas que se soterraban no bote do azucre que estaba enriba da mesa pregable. Logo, do lado esquerdo, debuxado na tea azul da tenda, o meu corpo deitado nunha grella era devorado polas lapas dunha gran fogueira e unha lingua enorme, semellante á dunha serpe, intentábame auxiliar das chamas e das gadoupas dun garfo que me espetaba. E polo meu oído dereito asomaba entre o fume unha cadela de frade. En fronte miña, como saído da secuencia dun filme de medo, un becho erguíase ameazador. O que máis me asustou foi que o becho era idéntico a calquera outro. Non posuía ningunha característica que o fixera diferente. Excepto que as meniñas se lle dilataban como as dun felino. Tiña as patas ensanguentadas e no chan xacía un corpo inerte, que ben puidera ser o meu. Uns berros arrepiantes percorreron a extensión do lugar. As luces acendéronse e a miña man mollouse na suor fría da miña fronte. Apagáronse de novo as luces e o cámping ficou envolto no silencio da noite.
Un grilo negro acampa nas fondas rodeiras que deixou un coche gris ao fuxir.


Cruz Martínez

Sem comentários: