quinta-feira, fevereiro 23, 2006

Os merdeiros de Vigo

(...) "Felizmente na nosa abella da ribeira aínda contamos coa memoria dunha máscara tradicional: os "merdeiros" ou "escabicheiros" do barrio de pescadores, figuras que satirizaban ou parodiaban cruelmente aos campesiños que viñan a Vigo a limpar os pozos negros e recoller o escabiche, os refugallos do peixe no peirao do Berbés, co que estercaban as súas leiras. Unha máscara desaparecida a partir de 1936, que pretendía ridiculizar de forma festiva, e algunhas veces provocadora, aos campesiños nun ambiente netamente mariñeiro.
Hai xa cinco anos propuxemos a posibilidade de recuperar e dar nova vida a esta máscara viguesa, descrita por Vicente Risco e debuxada nos traballos etnográficos publicados polo entrañable Xoaquín Lourenzo. Iniciativa que axiña foi recollida polo Plan Comunitario de Teis reinventando o humilde disfrace de merdeiro: camisa branca arremangada, chaleco e pantalón de pano a xogo, polainas e zapatillas brancas. Máscara de confección ben sinxela que, se seguísemos a descrición de Risco e Lorenzo, debería enriquecerse na parte posterior do chaleco cunha aplicación de tea que, semellante a dos cigarróns ou a dos peliqueiros, representase símbolos astrais ou animais: o sol, a lúa, un burro, un galo, unha galiña... Tampouco habería que esquecer o pucho de pano branco cunha tira vermella ou verde no bordo e un sol ou unha lúa de pano ganduxada no alto.
A imaxinación que se lle queira botar e as novas tecnoloxías da costura e dos tecidos poden levar a insólitas variacións na fasquía desta máscara de entroido, xenuinamente viguesa, que protexía as súas partes co peluxe dunha vasoira ou cunha ristra de cebolas, pendurada dun cordel atado á cintura sobre unha faixa azul, verde ou encarnada. Sen esquecer que non lle pode faltar unha vara ou un farol, que poden ser substituídos polo mango dunha vella vasoira ou por unha verza, xa que gostaban de vagar en solitario polas rúas, choutando, como fan os Troteiros de Bande, diante da xente e botando para diante o seu colgarexo.
Neste entroido 2006 a recuperación do disfrace dos merdeiros de Vigo parece un feito consolidado. Grazas á iniciativa da Asociación Cultural A Revolta do Casco Vello (Real 32) e ao traballo de investigación e divulgación de Gerardo González, cinco merdeiros troulearán polas rúas do Vigo vello. Parabéns para estes mozos que recuperan así un dos sinais da nosa memoria. Benvidos, merdeiros de Vigo!"
Manuel Bragado
(Faro de Vigo. Domingo, 19 de febreiro de 2006)

Sem comentários: