sábado, julho 30, 2005

A LOCOMOTORA

"Se as árbores choraran
Si se puidesen mover
Se a chuvia reprochara
O momento de cair
Se o deserto fixera versos
E en anacos ao calor
Se o calor se detestara
E viaxara á outra rexión
Entón ¿onde quedo eu?"


CAFÉ TACUBA

sexta-feira, julho 29, 2005

HABANA BLUES BAND

Rock caribeño con timba cubana, cheo de frescura, descaro e vitalidade. Un sorprendente grupo musical que representa a nova xeración de xóvenes cubanos que asimilaron a cultura underground de barrio e das grandes urbes; porque non todo o son é trova na Illa. Esta noite tocan en Vigo, sabrosón!
Habana Blues Band son: Boris Larramendi (Habana Abierta) - voz e guitarra, Dayan Abad - guitarra, Haruyoshi Mori - baixo, Pedro Pablo Rodríguez - percusión, Kiki Ferrer - batería, e Juri Wong - teclado.
Estes músicos, procedentes doutros grupos cubanos, son ademais autores da banda sonora orixinal de "Habana Blues"; o último traballo do recoñecido cineasta español Benito Zambrano. Sen dúbida, un interesante filme, protagonizado por Alberto Yoel García e Roberto Álvarez entre outros, que reflexa as inquedanzas e o sentir d@s xóvenes artistas (a música en especial) na realidade cubana actual.
Un éxito no cine, e arestora na música.

Alfonso trece

quarta-feira, julho 27, 2005

O Raio que caeu dúas veces no mesmo sitio

Houbo unha vez un Raio que caeu dúas veces no mesmo sitio; mais atopou que xa a primeira tiña feito dano dabondo, que xa non era necesario, e deprimiuse moito.

Augusto Monterroso

terça-feira, julho 26, 2005

Talante e Sentidiño


Co seu talante e o meu sentidiño... penso que será posíbel o entendemento.” Anxo Quintana (xuño 05)

É xa hora... Patria

"É xa hora de que señas toda patria dos teus
dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus
e señas dona de ti e señora de falar
señora de decidir e dona de se negar."
1971
"Guindo a almofada
i axusto o nome da patria pra recompor un soño"
1985
"INDA a bágoa máis sin direución acusa ó poder"
1985

Uxío Novoneyra

segunda-feira, julho 25, 2005

25 DE XULLO

Eiquí, entre istes homes pequeniños,
penso na patria, e síntome un xigante.
Penso en Galicia e vexo un lume aceso
nás pálpebras azúes da paisaxe.
Vexo a mañá pechada sobre os boscos
sulagados no mar. Escoito as voces
misteriosas das nais cantando tristes
cántigas que cheiran a mazás nas arcas.
Digo Galicia e sinto un arrepío,
unha esperanza ergueita,
unha ferida
que non estiña nunca.
...........................................

A miña terra é doce coma o mel,
abondosos e gasalleiros os seus froitos.
Na primavera agroman os touzales
e o cuco canta...

...A miña terra é doce coma o mel,
pro, a carón de tanta fermosura,
a miseria labróulle
un túnel amarguísimo na historia...

CELSO EMILIO FERREIRO

DÍA DA PATRIA GALEGA

25 de Xullo
Día da Patria Galega
Saúde e terra!

domingo, julho 24, 2005

REALISMO NAS. DIEGO DE GIRÁLDEZ

Da obra do destacado pintor e amigo Diego de Giráldez, o que máis me impresiona son as composicións surrealistas que pertencen ao movemento que el mesmo creou, chamado NAS.
Segundo as súas palabras, é unha nova visión dos conceptos do naturalismo, abstracción e surrealismo.
Seleccionar unha obra deste autor é difícil, nesta ocasión escollín esta, que pertence ao movemento NAS.

DO AMOR ( O PROFETA)

" Cando o amor vos chegue, seguídeo.
Aínda que os seus vieiros sexan arduos e penosos.
E cando vos envolva baixo as súas alas, entregádevos a el.
Aínda que a espada agochada entre as súas plumas vos fira.
E cando vos fale crede nel.
Aínda que a súa voz sacuda os vosos soños como fai o
vento do norte, que arrasa os xardíns"


GIBRAN JALIL GIBRAN

AS MIÑAS ANSIAS DE TI

Os días transmútanse en momentos viscerais
cando o teu corpo penetra a barreira animal
forma unha comuñón sensitiva
que outorga o don do pracer
e crea unha paixón momentánea e salvaxe
que non podo controlar
Non existe nada que poida separarme
das túas gadoupas
Agás no derradeiro alento
que me dou vida, conclúan as miñas ansias de ti


ROSANEGRA

Unha Patria feliz

“Para nós, os galeguistas, a Terra é tan grande, na súa extensión e na súa profundidade, que non abondan os días dunha vida para coñecela; e amámola tanto que soio pensamos en facer dela unha Patria feliz.”
“Sendo galego non debo ser máis que galeguista.”

(“Sempre en Galiza” – Castelao)

Santiago Matamouros

“Se tódolos galegos crésemos en Deus podíamos encomendarlle a El o castigo dos crimes cometidos en Galiza; pero é que os sentimentos cristiáns están moi debilitados en toda Hespaña dendes que alí se invocou o nome de Deus para matar...”
“¡Non haberá quen conteste ao ¡Arriba España! cun ¡Viva Galiza ceibe! dentro do seu peito?”

(“Sempre en Galiza” – Castelao)

quinta-feira, julho 21, 2005

A Última Morte do Coronel Santiago

A Última Morte do Coronel Santiago

Fai un tempo tiven o pracer de coñecer en Vigo a Luís Cardoso, o autor de “A Última Morte do Coronel Santiago”. É esta unha novela do amor e da nostalxia, que como fío invisíbel une o Timor Leste, tan descoñecido para nós, a Lisboa máis romántica e literaria e Compostela, pedra das referencias.

A maxia do relato é un xeito de camiño de idas e retornos, de exilios e encontros. Unha crónica dos soños, saudades e desgarros, coa ollada cara o Atlántico inmenso que afasta e une.
Latexa no texto o Timor liberado, contraditorio e desangrado, visto dende unha Lisboa feminina e melancólica que agacha todos os misterios, como Clara a amante etérea.
Para completar o triángulo máxico aparece Santiago, a Compostela prometida a que chega o protagonista para cumprir a promesa do seu pai, o coronel de segunda liña Pedro Santiago.

É para un lector galego un achado atopar este vencello, esta maneira de achegarnos á ensoñación do escritor, que tal vez dende un plano autobiográfico, tece historias e xeografías para mostrarnos a imposibilidade do retorno, a incapacidade para recuperar aquilo que nos roubou o océano da partida.

Un libro moi recomendábel (publicado por Don Quixote).

Luía Viñas

O SABOR DA PEL


O sabor da pel segue impregnado nos labios
Notas dunha música coñecida acaricia recunchos
e acenden as primeiras luces no regazo dos suspiros
os salaios arrolan amenceres, nas húmidas superficies
da paixón
Ávidas linguas percorren camiños nos corpos trémulos
sen outra intención, que agardar a inevitable travesía
das extensións
elas asumen a inminente submisión dos sentidos
instalados nas marxes duns ollos que agroman
nunha inmediata locura de espidos desexos
e prosegue, no acompasado ritmo dun poema
tatuado coa acesa boca sobre un amado corpo
perpetuado na festividade da deidade
que proclama un ceo na proximidade do cráter


Sospeito que non existen exilios que aforquen
a memoria dun abrazo


CRUZ MARTÍNEZ

Galiza: nación e patria

"A nación para nós, é un grupo humano etnicamente diferenciado, que cobre un territorio característico, que fala unha lingua propia e rexe a súa vida moral e física por tradicións e costumes peculiares.
A nación é o obxecto amado; a patria é o amor que a nación nos infunde."
"Unha lingua non nace por vontade dos homes senón por necesidades do seu progreso."

("Sempre en Galiza" - Castelao)

quarta-feira, julho 20, 2005

IRMAUS


Camiñan ó meu rente moitos homes.
Non os coñezo. sonme extranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
mais aló dos desertos e dos lagos,
mais alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.

Si é a tua a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
Coma un irmau che falo.


CELSO EMILIO FERREIRO

A Cascuda soñadora

Era unha vez unha Cascuda chamada Gregorio Samsa que soñaba que era unha cascuda chamada Franz Kafka que soñaba que era un escritor que escribía acerca dun empregado chamado Gregorio Samsa que soñaba que era unha cascuda.

Augusto Monterroso (Guatemala)

Nais e avoas da praza de maio

O templo do desgoberno
segue estando sitiado
por unhas poucas velliñas
armadas de panos brancos
Anonimas nais e avoas
sempre en praza de maio
non envellecen as tolas
nen renuncian ó pasado
Non hai xoves que elas falten
nunca os beizos calados
anonim@s son @s mort@s
mais teñen nome os malvados
Estan hoxe nesta vila
co seu discurso xa canto
e saben das nosas loitas
sen praza sen mes de maio
Van ás favelas e ás folgas
ás prisions cos sublevados
e xa estiveron en londres
acusando ó gran tirano
Xa volven ó plata en xoves
mais non regresan ó barrio
teran antes que pisar
e sentir praza de maio

Manolo Pipas

"Nuestros hijos nos parieron a la lucha
y ponemos el cuerpo
que es lo único que tenemos"

terça-feira, julho 19, 2005

Saudade e Morriña

"¡Quen sabe se a saudade galega non será outra cousa máis que a loita de dous anceios incompatibles: o de estar e non estar na Terra!"
"A Saudade é unha sede insaciable de algo que, ás veces, non se sabe o que é."
"A Morriña, pois, é a Saudade en estado de conciencia."
"Non hai peor desterro que aquel que se sofre no propio país."

("Sempre en Galiza" - Castelao)

O DINOSAURIO

“Cando espertou, o dinosaurio aínda estaba alí”
Augusto Monterroso (Guatemala)

- A Manuel Fraga in memoriam -

"O Perseguidor"

"Agora sei que non é así, que Johnny persegue en lugar de ser perseguido, que todo o que lle está ocorrendo na vida son azares do cazador e non do animal acosado"
Julio Cortázar

O SILENCIO

"Que espléndida lagoa é o silencio
alá na beira unha campá agarda
mais ninguén se anima a afundir un
remo no espello das augas quedas"

Mario Benedetti

segunda-feira, julho 18, 2005

SOÑO NAS ILLAS MARABILLAS

Nas augas salgadas de Cíes
emerxe o resplandor moreno
a ollada centrífuga
os cabelos longos do enredo;
a brisa fai piruetas
simplementes por engalanarte
e toda a lus do sol
quer estoupar
nos zafiros que escintilan
baixo as túas pestanas de raíña.
E velaí o ventre dourado de chicolate
do meu desexo relambido,
ventre cheo de bicos
bicos salgados e fresquiños
coma as ondas que te acariñan
nesta praia fermosa onde ti,
muller matria de encantos exclusivos,
ainda es un soño para min.


Alfonso Láuzara


Galiza, muller,
metáfora do mundo!

domingo, julho 17, 2005

"NAI CORAXE" - Bertolt Brecht

CANTAR
"Coas súas fortunas e perigos
a guerra leva tempo xa.
Mesmo se durara cen anos
o que é probe nada ha gañar.
Xanta merda, veste farrapos,
róuballe a paga o capitán;
mais ainda agarda algún miragre
namentras siga a pelexar.
¡Xa chega maio! ¡Cristiano esperta!
¡Derrete a neve! ¡Aos mortos paz!
E aqueles que inda quedan con vida
tocan o zoco sen máis tardar."

"Nai Coraxe". Bertolt Brecht.
(Versión galega de Lois Tobío. Ediciós do Castro)

Marzo abril e outros naufraxios (xullo de 1999)

Amiga
das causas perdidas
gardo as tuas palabras
nun soportal da miña memoria
onde me acollo
despois de cada naufraxio

Amiga de naufraxios
febreiro que non marcha
sempre violeta marzo por chegar
os cravos de abril por florecer
a nosa praza de maio por construir
e hoxe xuño é unha mentira
e a guerra e a falsa paz
non nos poden deixar
sen poemas e cancions

Amiga
a vida bateuche ben
mais segues sumando soños
qué pouco te coñezo
mais quero correr contigo

(Vigo 6-99)
Manolo Pipas

Ideas, anceios e soños

"O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos."
"O home que dubida e teme no intre de realizar o ideal que predicou e non ten coraxe para manterse no seu posto de perigo, ou é un farsante ou é un coitadiño."
"Os soños primeiro e as ideas despois, crean feitos históricos. E Galiza xa soñou e pensou dabondo."

("Sempre en Galiza" - Castelao)

sábado, julho 16, 2005

CANTIGA DO NENO DA TENDA

Bós Aires ten unha gaita
sobro do Río da Prata,
que a toca o vento do norde
coa sua gris boca mollada.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Aló, na Rúa Esmeralda,
basoira que te basoira
polvo de estantes e caixas
ó longo das rúas infindas
os galegos paseiaban
soñando un val imposibel
na verde riba da Pampa.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Sinteu a muiñeira de ágoa
mentres sete bois de lua
pacían na sua lembranza.
Foise prá veira do río,
veira do Río da Prata.
Sauces e cabalos núos
creban o vidro das ágoas.
Non atopou o xemido
malencónico da gaita,
non víu o inmenso gaiteiro
coa boca frolida de alas;
triste Ramón de Sismundi,
veira do Río da Prata,
víu na tarde amortecida
bermello muro de lama.
Federico García Lorca

Patria, bandeira, liberdade.

Patria, bandeira, liberdade.
Palabras todas na miña canción de berce
ecos que escachan a miña alma coma ningunha,
mágoa de esperas na soidade.
Illa rodeada de mar por todas partes,
noite máis negra ca escuridade,
hoxe se te mira dende outra beira,
xogando ás agachadas a luz e a verdade.

Orisel Gaspar

Orisel Gaspar

ORISEL GASPAR. Artista cubana:
Actriz, poetisa, compositora…

¡Cuba, canto choramos a despedida,cantos pinceis pintan caladoseste silencio en que te gardamos!

Máis sobre Orisel Gaspar en:
http://orisel.blogspot.com

Centro Cultural Cubano de Vigo:
http://centroculturalcubanodevigo.blogspot.com

quinta-feira, julho 14, 2005

un poema de Minus Bálido



Como se conquistóu o oeste!
Entitulan un disco de Led Zeppelin.
A través do meu prisma conquistóuse
Con trampas e cruces
Con posturas de misioneiro
Con fanatismo de europas escuras
Con capitais en español
Con enfermidades incurables
Con sodomas e gomorras
Con chabolas incendiadas
Con reservas como se gando
Co principio da nosa maldita historia
Con irlandas cheas de güisque barato
Con exterminio, con decapitacións
Con raiñas e reis ponzoñentos
Con idades medias de inquisición
Con datas sinaladas
Que aínda figuran nos calendarios
Con actitudes non moi distintas
Ás que se dan agora.
Que como se conquistóu o oeste?
Como se conquistan todas as cousas
Con morte, miseria e guerra
Con trampeiros de dentes podres
Con incultura chea de barcos
Que mala treboada os aplastara
Con estatuas como en Barcelona
Cos estados unidos de América
Coa nova historia que contan
Coa conquista agora de este
Norte, sur, oriente e mundo enteiro
Por parte de descerebrados
Que impoñen o que chaman
Civilización.
Que por onde sae o sol?
Por onde diga a garda civil!
Que como se conquistóu o oeste?
Con armas, como se conquistóu Iraq
En busca doutras armas
Que xamáis existiron.

OS BOS E XENEROSOS

"Os bós e xenerosos
a nosa voz entenden,
e con arroubo atenden
o noso rouco son,
mais só os iñorantes,
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non."

(3ª estrofa do Himno Galego.
Poema "Os Pinos" de E. Pondal
)


"Irmáns: fuxide sempre dos parvos. Non vos arrimedes a eles, porque poden roubarvos algo da vosa razón e transmitirvos a súa parvada." ("Sempre en Galiza" - Castelao)

quarta-feira, julho 13, 2005

Sen título

O baldeiro interno sabe a mel con limón
Corroe as paredes e abre feridas
Coma un ácido de laboratorio
O sufrimento é perpetuo
Introdúcese nos órganos vitais
Poida que non serva de nada
A presencia consciente
Xa que o insconsciente dormita
E tiraniza o ser
Non importa, eu sigo pretendendo
Vivir coma unha prófuga

rosanegra

segunda-feira, julho 11, 2005

A - MAR - HEI

(Sinais de fume para fumadoras difusas)

Achei o manantial das verbas fermosas
que ceiba bocanadas de fume acróbata.
Hei apagar eu o botafume
cun bico de zume nos teus beizos de rosa,
beiramar, de groso contorno areoso
mollado de cuspe o milagre da túa boca,
avance nun intre detido de escume
cando todo o mister do mar sen roupa
me chega na porta verde da túa mirada.
Sabes a pouco, rapaza da pel salgada.
Agárdote no sétimo andar!

Alfonso Láuzara

Galiza sobrevive

"Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar en galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunais de Xustiza e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados."
("Sempre en Galiza" - Castelao)

sexta-feira, julho 08, 2005

Ás veces as palabras...


Ás veces as palabras fanse sonoras
por non facer do mutismo contraseña
de desconcerto
Estoupan bolsas de cereixas e
ilumínanse paredes con cadros rupestres

As boas intencións esparelladas nas beirarrúas
dormen cos sen teito, en posición vertical
coma esteos
É inútil mollarse á porta das igrexas
cando a invisibilidade faise patente
baixo as pegadas da indixencia
cunha cegueira propicia


Ponlle un positivo á imaxe
e verás un filme daqueles
típico do nadal
namentres un reloxo marca
horas de infancia
e transitan debuxos en branco e negro
nas xeografías, nos espazos
que permanecen nas sombras
e non amenceu, non
Agora a tristura é líder de audiencia
acapara as pantallas de cores
Afanareime pois en contar feridas
O corazón está ausente
Arrepañarei corpos polas vísceras

Non é posible recalcar mentalmente
a silueta da xustiza
cando as cámaras non dan co perfil axeitado
da retratada

Cruz Martínez

terça-feira, julho 05, 2005

“Si é sangue da miña sangue, como é que non fala a nosa fala?”

“Si é sangue da miña sangue, como é que non fala a nosa fala?”


Viagem ao Princípio do Mundo Voyage au Debut du Monde 1997


Un filme de Manuel de Oliveira que todos habiamos de ver , un canto á permanencia da memoria, unha viaxe ao Portugal de acó do Douro, nun percorrido case antropolóxico e ao tempo unha mirada á emigración como drama, ese éxodo sufrido por galegos e portugueses .

No filme Oliveira retrata o desarraigo cultural dunha sangría nunca contada, na que se rachan as pontes entre xerazóns e os nados nese exilio non coñecen sequera o idioma dos seus, expresado no filme cando a tía repite e sentencia no reencontro co sobriño:

“Si é sangue da miña sangue, como é que non fala a nosa fala?”

Tal vez a película deixa ver que hai outras linguaxes non verbais que teñen a forza do instinto, da presenza, das miradas, a forza das pegadas impregnadas nese espazo máxico ( Lugar do Teso, Castro Laboreiro), no que o tempo está detido aínda hoxe en mulleres de pano preto.


Luís Viñas

segunda-feira, julho 04, 2005

Soidade

A soidade existencial é incolora, inocua
está tras as imaxes moleculares
tras os días formados por segundos abstractos
tras a esencia visceral agochada no tecido
acompáñame coma unha noite
coma unha sombra
coma unha parte ósea... está aí...

rosanegra